Semana do 11 ao 15 de maio

Seguimos cos xogos tradicionais galegos. Para esta semana vou engadir tres novos xogos para que coñezades e practiquedes.

OS PELOUROS

Precisamos cinco pelouros (pedras lisas e redondeadas). Primeiro, a persoa que empeza lanza os cinco pelouros ao aire e tenta coller un, que será “a coutadeira”. Despois lanza esta ao aire e tenta coller un pelouro do chan; sucesivamente fará o mesmo cos outros tres. En terceiro lugar lanzará a coutadeira ao aire e collerá dous pelouros do chan; fará o mesmo cos outros dous que quedaban. De seguido fará o mesmo collendo tres e despois o último. Para rematar, tentará coller os catro pelouros á vez. Cando se falla, pásase o turno.


Vieiros: Galiza Hoxe - A Pontenova será epicentro dos xogos e ... 


 OS BOLOS


Durante o século XIX e principios do XX, os bolos convertéronse na actividade lúdica máis estendida nas comunidades do norte. Actualmente, a súa práctica queda reducida a Galicia, Asturias, Cantabria e Madrid.
 Unha das modalidades de bolos que se conserva nalgúns lugares de Galicia é a dos birlos. Un birlo é unha peza troncónica que e coloca de xeito vertical nun lugar determinado para derrubala mediante o lanzamento dunha bola. O número de birlos a derrubar é variable. A bola é lanzada primeiro e despois rodada.
Nós imos xogar colocando 6 bolos (botellas, bricks de leite vacios,...) en triángulo á distancia que vós  queirades. Cunha pelota, imos lanzar e intentar tirar o maior número posible. Pódese ir variando a distancia dos bolos.



UVigoTV - 2ª Xornada de xogos tradicionais galego-portugueses


A CORDA

Xogo super coñecido. So necesitamos unha corda e gañas de saltar. Pódese saltar individualmente ou con máis persoas. Pódese ver canto tempo se dura saltando, cantas persoas son capaces de "entrar" xuntas,... Hai moitas variantes.
Se ides facelo individualmente, déixovos unha canción que se solía usar antigamente para ver canto se duraba:

"Rei, rei, cantos anos vivirei,
dimo ti que eu non sei...
Un, dous, tres, catro,..."

E contábase cada salto cun número. Así sabían en que marca quedaran (no 10, no 23, no 44,...), quen saltara máis tempo ou cal tiñan que intentar superar na seguinte.
Hai moitísimas cancións que se usan para este xogo. Seguro que os vosos pais, nais, avós,..., saben algunha. Preguntádelles e seguro que tamén se animan a xogar con vós.


Salto a corda - Xogos Populares e Tradicionais































Comentarios

Publicacións populares deste blog

Comeza Xuño. Primeira semana.

BENVIDOS/AS AO NOVO CURSO!!!